Royole presenta o primeiro smartphone con pantalla encartable do mundo

mércores, 31 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A empresa californiana Royole, pese a non ser coñecida internacionalmente, semella querer gañar relevancia estragándolle a festa a Samsung ao adiantárselle ao presentar ao mundo o primeiro smartphone con pantalla pregable, o FlexPai, que ofrecen xa para Norte América a un prezo de 1.318 dólares no seu modelo con 128 GB de capacidade e a 1.469 dólares con 256 GB de capacidade, aínda que cómpre destacar que estamos ante un modelo destinado principalmente a desenvolvedores, mentres que a versión destinada a consumidores finais chegaría no mes de decembro.
O FlexPai sería unha mestra de smartphone e tableta, que sería posible grazas ao uso da segunda xeración de pantalla flexible de Royole, de xeito que teríamos un dispositivo co tamaño de pantalla dunha tableta, pero coa facilidade de transporte dun teléfono, á vez que diría adeus ás pantallas ríxidas.
Este novo dispositivo estaría equipado cunha pantalla de 7,8 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.440 píxeles (ou sexa, cunha relación de aspecto 4:3), mentres que ao dobrarse comportaríase como 3 pantallas: unha principal de 810 x 1.440 píxeles (16:9), unha secundaria de 720 x 1.440 píxeles (18:9) e o borde de 390 x 1.440 píxeles (21:6).
Aínda que a incorporación dunha pantalla no borde poida resultar pouco práctico, consideraron que este elemento podería empregase para amosar notificacións para chamadas entrantes, correos electrónicos e mensaxes. Cando está encartado as chamada poden responderse tanto dende a pantalla principal como da secundaria, que tamén poden empregarse para disparar fotografías coas súas cámars de 20 e 16 Mpíxeles. Para que todas estas funcionalidades sexan posibles este equipo opera con Water OS, sistema operativo de grande flexibilidade.
En calquera caso non semella que esteamos ante un produto que vaia ter unha demanda comercial real, e simplemente quedará como un logro tecnolóxico innovador, xa que a experiencia de uso que ofrece dista bastante da que achegan smartphones e tabletas na actualidade, e o feito de poder encartar o terminal parece máis unha incomodidade que unha vantaxe.

Vídeo promocional do FlexPai de Royole

PUBLICIDADE