Sae á venda nos EE.UU. o Zune HD

martes, 15 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O Zune HD contará con aplicacións, xogos, reprodución multimedia e sintonización de radio FM (e radio HD)

A nova xeración de reprodutores multimedia de Microsoft púxose hoxe á venda nos EE.UU., pero o Zune HD non é só un dispositivo para escoitar música e ver fotografías e vídeos, senón que veñen de confirmar que tamén facilitará o acceso a servizos coma Twitter ou Facebook e contará con capacidade para xogos 3D, polo que estamos ante un dispositivo moi interesante que por desgraza non estará á venda en Europa polo momento.
Microsoft leva meses preparando o terreo para os Zune HD, e unha das súas apostas máis interesantes foi a reforma da tenda de descargas de vídeo da Xbox 360 para adaptala aos seus reprodutores portátiles, de xeito que os filmes adquiridos poderán funcionar no ordenador, na consola de videoxogos e no Zune HD (que pese a contar cunha pantalla OLED de 3,3 polgadas cunha resolución de 480 x 272 píxeles, é capaz de reproducir vídeo a 720p).

Coma contraste co modelo de negocio do iPod de Apple, Microsoft promove o Zune Pass, de xeito que os usuarios poden acceder a descargas de música ilimitadas mediante unha subscrición mensual de 14,99 dólares.
Entre as prestacións técnicas do novo reprodutor está o seu Wi-Fi, sintonizador de radio FM compatible coa tecnoloxía radio HD e un procesador nVIDIA Tegra HD, que é o que permite que teña potencia suficiente como para procesar vídeo de alta definición e xogos de bastante potencia, e con gráficos 3D, como serán Project Gotham Racing: Ferrari Edition, Vans Sk8: Pool Service ou Audiosurf Tilt, cuxo lanzamento xa está confirmado para este dispositivo de Microsoft.
O Zune HD está xa dispoñible en modelos de 16 e 32 Gb a 219,99 e 289,99 dólares respectivamente (149,91 e 197,61 euros respectivamente) polo que podería ser un duro competidor para o iPod Touch (por comercializarse a un prezo inferior e incluso superalo en múltiples aspectos).


Pequeno repaso das prestacións do Zune HD

PUBLICIDADE