Saen á venda os novos móbiles encartables de Samsung

venres, 27 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Os novos móbiles encartables de Samsung, xunto cos seus novos auriculares sen fíos e novos reloxos conectados, chegan hoxe ás tendas españolas, coa novidade de que desta volta Samsung quere facer máis accesibles os seus rechamantes Galaxy Z e permite probalos durante 60 días ou incluso alugalos durante 18 meses, co que pretenden que máis consumidores se animen a incorporar móbiles con pantalla encartable ao seu día a día.
O Samsung Galaxy Z Fold3 5G destaca pola súa grande pantalla encartable de 7,6 polgadas, que mellorou a súa resistencia para ser compatible con S Pen, de xeito que pode converterse nunha ferramenta ideal para tomar notas e reproducir contidos, que mentres está encartado funciona cono un smartphone ordinario grazas á súa pantalla externa de 6,2 polgadas. Este dispositivo ten un prezo oficial de 1.809 euros con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento e de 1.909 euros con 512 GB de almacenamento.
Pola súa banda o Galaxy Z Flip3 5G mellora as súas prestacións con detalles como a resistencia á auga e, moi especialmente, unha pantalla externa de maior tamaño que agora permite realizar máis funcións sen ter que abrir o dispositivo e incluso pode servir para disparar selfies coa cámara traseira. Ten un prezo oficial de 1.059 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e de 1.109 euros con 256 GB de almacenamento, dando a impresión de que será o encartable que máis veremos no mercado nos vindeiros meses, tanto por prezo como por ser o que encaixa cun maior número de perfís de usuario.
Os reloxos Samsung Galaxy Watch4 e Watch4 Classic chegan estreando a nova versión de Wear OS, sistema operativo desenvolvido por Google e mellorado por Samsung, que son grandes aliados para manter un control do noso benestar físico, e que como novidade a nivel de sensores incorpora o cálculo de composición corporal. Estes reloxos chegan en numerosas versións que parten do deportivo Galaxy Watch 4 con Bluetooth e correa de 40 milímetros por 269 euros até o elegante Galaxy Watch 4 Classic con 4G e correa de 46 milímetros por 449 euros.
No caso dos auriculares Galaxy Buds2, temos uns accesorios cun prezo oficial de 149 euros, cun deseño compacto, que apostan por unha boa calidade de son e tecnoloxía de cancelación de ruído activa. Un bo complemento para calquera dos dispositivos anteriores, cos que casa ben na súa variada oferta de cores.

Os móbiles encartables de Samsung destacan polo seu modo Flex, que permite que o móbil divida a pantalla en dúas áreas diferenciadas, o que aproveitan algunhas aplicacións para, por exemplo, poder realizar videoconferencias pousando o móbil sobre unha superficie sen precisar de soportes adicionais.
O S Pen é un accesorio opcional que incrementa considerablemente as posibilidades do Galaxy Z Fold3 5G.

PUBLICIDADE