Saen ó mercado novos reprodutores MP4 de Airis máis versátiles e ultralixeiros

martes, 15 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

Airis, a empresa española de informática e electrónica de consumo, vén de lanzar ó mercado tres novos modelos de MP4 de tamaño miúdo e con distintas capacidades que, segundo os creadores, “contan cunha grande versatilidade e, polo seu tamaño e o seu prezo, adáptanse a tódolos petos”.
Os modelos MP302 e MP304 son os novos produtos desta firma que reproducen música, vídeos e fotografías nunha pantalla de 2,4 polgadas; á fin, nada que non faga calquera outro MP4 dos que hai até o de agora no mercado (incluso nas coñecidas tendas dos chineses).
Agora ben, estes modelos MP30x destacan dalgunha maneira da competencia de imitación por ser compatibles con numerosos formatos multimedia (tanto de audio como de foto e de vídeo) como por exemplo: MP3, WMA, WAV, MP1, MP2, JPG, BMP, MPEG4 e AVI o que permite reproducir practicamente calquera arquivo multimedia no mesmo intre.
Por outra banda, a característica máis salientable da serie MP4 Panorama, é o seu reducido tamaño (ocupa pouco máis ca unha tarxeta de crédito) así como a opción de personalizar a súa interface para afacerse daptarse ós gustos e necesidades de cada usuario. Deste xeito, os dispositivos son máis doados de empregar cós habituais e o seu manexo é máis intuitivo e sinxelo.
Ambos modelos teñen unha memoria interna de 2 XB e 4 XB, respectivamente, e contan cun lector de tarxetas Flash que incrementan a súa capacidade de entreter ós usuarios.
E por se todo o que se baixa dun ordenador non abondase para facer levadeira unha xornada de lecer da man dun dispositivo deste tipo, tódolos modelos dispoñen de radio FM e función de gravación na propia memoria do reprodutor MP4 Panorama.
Os dous modelos están xa dispoñibles a un prezo de 79 euros (2 XB) e 94,90 euros (4 XB).

PUBLICIDADE