Saints Row 2 terá unha edición especial para Xbox 360

venres, 29 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Superar ao Grand Theft Auto IV é algo case imposible hoxe en día, pero iso non quere dicir que non se poida utilizar o enxeño para intentar quedar en boa posición, e a xente de THQ está a moverse moito ao redor do Saints Row 2, que aínda que non teña nada que facer contra o título de Rockstar (ao que non dubida en parodiar), está a captar moita atención e podería satisfacer a moitos usuarios deste tipo de xogos nos que tomamos o papel de delincuentes.

A actriz porno Tera Patrick é a produtora especial do xogo de THQ

Por unha banda, Saints Row 2 xa achegou moitas miradas ao seleccionar á actriz porno Tera Patrick coma produtora especial, que fai un inestimable papel coma relacións públicas, pois aparece en presentacións públicas do xogo (como na Comic Con de San Diego) e incluso en ilustracións promocionais (coma o póster que apareceu na revista Hobby Consolas). Pero a cousa non queda aí, e para seguir impresionando ao seu público potencial, o xogo contará cunha edición especial cunha caixa con forma de pistola na que se inclúe unha memoria USB de 1 Gb con forma de bala (no que se gardarán contidos exclusivos), aínda que este pack só estará dispoñible na versión de Xbox 360.
O xogo tamén sairá para PlayStation 3 e PC o vindeiro 17 de outubro.

PUBLICIDADE