Samsung Galaxy Tab S6 Lite, a tableta con S Pen a un prezo contido

xoves, 16 de abril do 2020 Marcus Fernández

Samsung vén de presentar a Galaxy Tab S6 Lite, unha tableta cun prezo relativamente axustado deseñada para o traballo, para o que conta cunha grande pantalla, un corpo delgado e compacto e un S Pen que facilita a toma de anotacións, destacando especialmente este último elemento por ter un peso de só 7.03 gramos e unha punta de 0,7 milímetros, de xeito que proporciona unha grande precisión para escribir e debuxar. Este S Pen pode axustarse magneticamente a un lateral da tableta ou tamén nunha funda con forma de libro, para evitar o seu extravío.
Estamos ante unha tableta con marcos reducidos e unha pantalla de 10,4 polgadas cunha resolución de 2.000 x 1.200 píxeles; funciona cun potente procesador de oito núcleos, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 1 TB); integra toma para auriculares, altofalantes estéreo AKG con Dolby Atmos, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e cámaras de 8 e 5 Mpíxeles capaces de gravar vídeo Full HD; a súa batería de 7.040 mAh permite até 12 horas de navegación web, o que sumado ao seu peso de só 465 gramos convérteno nun produto moi apto para empregar en mobilidade.
Tamén integra tecnoloxía de seguridade (Samsung Knox) e facilita a sincronización con smarpthones Galaxy para poder responder chamadas e mensaxes de texto directamente dende a tableta.
Está previsto que chegue ao mercado o vindeiro día 30 a un prezo de 399 euros. Máis adiante estarán dispoñibles versións con 128 GB de almacenamento e conectividade 4G. Estamos ante o que pode considerarse un gran competidor para o iPad, do que diferénciase especialmente por incluír o lapis dixitalizador sen custo adicional (mentres que no caso do iPad supón un gasto adicional de 99 euros).

PUBLICIDADE