Samsung anuncia o primeiro smartphone con pantalla curva

mércores, 9 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Tras numerosas informacións sobre que distintos fabricantes están a apostar pola incorporación de pantallas flexibles para os seus futuros dispositivos chega por fin a confirmación de que Samsung vai por á venda o moi rumoreado GALAXY Round, que presume de ser o primeiro smartphone con pantalla curva, estando equipado cunha pantalla Super AMOLED Full HD de 5,7 polgadas. Este novo móbil ten un grosor de só 7,9 milímetros e un peso de 154 gramos, conseguindo un agarre cómodo grazas á curvatura da súa pantalla.
O novo terminal incorpora prestacións como Roll Effect, que facilita a comprobación de información como a data, a hora, as chamadas perdidas ou o estado da batería cando a pantalla de inicio está inactiva; ou o Gravity Effect, que crea interaccións visuais ao inclinar o dispositivo. Durante a reprodución musical tamén conta con Bounce UX, funcionalidade que consiste en saltar á canción anterior ou seguinte premendo durante pouco temo as marxes laterais da pantalla.
Pese a estarmos ante unha pantalla de grande tamaño, o deseño curvo pretende axudar a que sexa doado empregar o móbil cunha única man, para o que o usuario tamén pode elixir o lado ao que quere que se coloquen os seus controis preferidos. A grande pantalla tamén pode aproveitarse para a multi-tarefa, podendo empregar varias fiestras, incluso da mesma aplicación, o que facilita o intercambio de contido entre as distintas ferramentas.
O Samsung GALAXY Round sairá á venda en breve en Corea do Sur en cor marrón. Virá con Android 4.3, procesador de catro núcleos a 2,3 GHz, 3 Gb de RAM, batería de 2.800 mAh e espérase que o seu prezo estea sobre os 700 euros ao cambio.

O deseño curvo do Samsung GALAXY Round busca conseguir un agarre confortable

PUBLICIDADE