Samsung anuncia un novo smartphone resistente á auga

venres, 25 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Samsung amosou hoxe en Corea o novo Xcover 2, un smartphone deseñado pensando nos usuarios máis aventureiros, que gusten de vivir en exteriores e non queiran temer pola integridade do seu móbil ante posibles agresións dos elementos, pois estamos ante un dispositivo con certificado IP67, ou sexa, que soporta po e area e incluso podería somerxerse durante media hora a un metro de profundidade sen que sufrise danos, asegurando a compañía surcoreana que incluso permite disparar fotografías debaixo da auga grazas á súa tecla dedicada de cámara. Tamén pode colocárselle unha correa, evitando así que caia accidentalmente e incluso ten un pecho para a tapa da batería que reforza a protección do terminal.
Este móbil con Android 4.1 ten un procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb), Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, Wi-Fi Direct, USB 2.0, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles e batería de 1.700 mAh, pero os seus usuarios posiblemente dediquen máis atención ao feito de que conta con GPS avanzado con GLONASS (conseguindo unha mellor xeolocalización) coa posibilidade de ter os datos de mapas de Google precargados (ideal para cando imos a lugares con pouca cobertura móbil), a posibilidade de utilizar o flash LED como lanterna e incluso o feito de integrar a aplicación de adestramento Cardio Trainer Pro, que facilita o seguimento de obxectivos creando un programa de adestramento, seguindo os progresos e rexistrando as rutas e a velocidade, detalles que tanto axudan para facer un seguimento da práctica deportiva como insta a facer exercicio.
O Samsung Xcover 2 ten unhas medidas de 130,5 x 67,7 x 12 milímetros e un peso de 148,5 gramos, descoñecéndose polo momento a data e o prezo no que poderemos ver nas tendas este atractivo smartphone para o tempo de lecer en exteriores.

PUBLICIDADE