Samsung colocou no mercado 800.000 unidades do seu smartwatch

martes, 19 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que non parece estar a ter moi boa resposta por parte do público, Samsung está a presumir de que o seu GALAXY Gear está a converterse no smartwatch máis popular do mercado, colocando nas tendas 800.000 unidades dende a súa estrea hai un par de meses, volume realmente impresionante para un accesorio do smartphone que só é compatible cun número reducido de terminais.
A compañía surcoreana esforzouse na promoción deste dispositivo que quere ser un referente para unha nova familia de produtos dos que aínda non está nada clara a demanda comercial e a utilidade, e que chegou nun momento no que había rumores de que Apple ía lanzar un produto semellante (o iWatch) polo que Samsung teríase anticipado demostrando que pode innovar.
De todos os xeitos, os datos que achega Samsung son bastante discutibles, pois chocan co feito de que só se terían vendo 50.000 unidades en Corea do Sur, así como os informes que apuntan a que nas tendas de Best Buy dos EE.UU. o accesorio ten unha taxa de devolución do 30%. De todos os xeitos, cómpre destacar que nalgún mercado o GALAXY Gear ofrécese de balde aos compradores dun GALAXY Note 3, detalle que podería ter contribuído claramente a unha maior distribución do produto.

O GALAXY Gear preséntase como un complemento ideal para tabletófonos como o GALAXY Note 3

PUBLICIDADE