Samsung comercializa adhesivos para tirar proveito do NFC

mércores, 13 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Para tirar proveito da tecnoloxía NFC coa que contan terminais coma o Galaxy Nexus ou o Samsung Galaxy S III o fabricante surcoreano Samsung presenta uns adhesivos chamados TecTiles que permitirán lanzar aplicacións e modificar a configuración do terminal con só tocalas co mesmo, podendo programarse este comportamento a través dunha aplicación para Android. Estes adhesivos con NFC programables sairán á venda en lotes de 5 unidades por 14,99 dólares o vindeiro 21 de xuño.
O usuario pode colocar un adhesivo TecTile no seu escritorio, no seu bolso, no automóbil ou en calquera lugar que considere axeitado para que, ao achegar o seu móbil, este poida efectuar diferentes accións como executar unha aplicación, conectar a unha rede Wi-Fi, amosar unha mensaxe, facer unha chamada (ou iniciar unha conversa en GTalk), compartir información de contacto, abrir un mapa, visitar unha páxina web, facer check in en Foursquare ou Facebook, facer Me Gusta en Facebook ou actualizar o estado, seguir a alguén en Twitter ou mandar un tweet directamente e mesmo mudar a configuración de volume, brillo e conectividade do móbil.
Este tipo de usos do NFC serve para ilustrar que esta tecnoloxía poder ser útil para moito máis que para realizar pagamentos co móbil (algo que aínda tardará anos en normalizarse).

As accións asociadas a cada adhesivo TecTile poden definirse mediante unha aplicación para Android

PUBLICIDADE