Samsung comercializará discos duros con películas en 4K precargadas

xoves, 20 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Os fabricantes de electrónica de consumo están intentando que os televisores de ultra alta definición cheguen ao mercado repetindo o éxito da alta definición, pero atopan o atranco da falta de contidos en 4K, e como unha proposta para arranxar iso Samsung vai comezar a ofrecer aos compradores de televisores 4K discos duros con películas 4K precargadas a un prezo bastante prohibitivo: 300 dólares.
O primeiro lote de películas en 4K distribuídas nun disco duro de 1 Tb serán El Consejero, Noche en el Museo, X-Men Orígenes: Lobezno, G.I. Joe: La Venganza e Guerra Mundial Z, selección cunha calidade bastante discutible para especialmente para o seu goce en ultra alta definición, á que acompañarán tres documentais (non anunciados). Antes de rematar o ano Samsung lanzará outro novo lote de filmes en 4K.
Resulta bastante rechamante o prezo deste lote cinematográfico que en formato Blu-ray custaría uns 85 euros, aos que podemos sumarlle o prezo dun disco duro externo de Samsung cunha capacidade de 1 Tb (que custaría 61,50 euros) de xeito que temos que a oferta en 4K custaría máis do dobre que o seu equivalente en HD, o que non parece en absoluto razoable (especialmente ao non poder elixir as películas que entran no lote).

PUBLICIDADE