Samsung e LG amosan as súas pantallas OLED curvas en Las Vegas

martes, 8 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Samsung presentou hoxe no CES de Las Vegas un impresionante televisor cun panel OLED curvo, que pretende innovar no lecer doméstico achegando unha experiencia de visionado máis realista e inmersiva, ao envolver ao espectador especialmente en secuencias panorámicas dun xeito que non sería posible cun televisor plano convencional.
O impresionante televisor que levou o fabricante surcoreano a Las Vegas gozaba de ultra alta definición e dunha diagonal de 55 polgadas, polo que resultaba realmente impresionante e, grazas á que a súa curvatura é moi suave, dá unha sensación de vista uniforme á vez que permite unha boa visualización dende varios ángulos de visión. Polo momento descoñécense detalles como a data de lanzamento e o prezo deste tipo de televisores, que é de agardar que sexan bastante caros inicialmente, pois resulta bastante complexo fabricar paneis OLED de grande tamaño.
Pero outro fabricante de televisores surcoreano presente no CES non quixo quedar atrás, e presentou a primeira pantalla OLED curva 3D, o que acentúa a sensación de profundidade propia dos televisores 3D e, aínda que polo momento non esteamos ante produtos comerciais, estamos ante unha tecnoloxía que podería levar ao fogar unha experiencia de cine en casa que poderían competir en experiencia cunha pantalla IMAX.

LG pode presumir de ter fabricado as primeiras pantallas OLED curvas 3D

PUBLICIDADE