Samsung eleva a capacidade das súas unidades SSD de consumo até os 4 TB

luns, 11 de xullo do 2016 Marcus Fernández

As unidades SSD están chamadas a substituír totalmente aos discos duros, por ter moitas vantaxes sobre os mesmos, pero polo momento teño un grande atranco para a súa popularización: a súa reducida capacidade e o seu elevado prezo. Pero pouco a pouco esa eiva vaise suavizando, e agora temos como a popular unidade Samsung 850 EVO (que en España podemos adquirir por 119 euros no seu modelo de 500 GB e por 645 euros con 2 TB de capacidade) está a estrear nos EE.UU. un modelo con 4 TB de capacidade e que, aínda que ten un prezo próximo aos 1.500 dólares, está a rachar unha importante barreira, xa que achega ao mercado de consumo unha unidade SSD que pode competir en capacidade cos discos duros tradicionais, pero cun tamaño máis compacto e un rendemento moi superior (é capaz de ler datos secuenciais a 540 MB por segundo e escribir até a 520 MB por segundo).
Estas unidades SSD están aínda lonxe de conseguir o rendemento das que teñen interfaces M.2, U.2 ou PCIe (que son de tamaño moi reducido facilitando a súa conexión directa na placa de equipos portátiles) pero no que si as superan por moito é na súa capacidade, de xeito que poderiamos estar ante un momento moi importante no que os discos duros xa non poden presumir de ser a mellor solución para o almacenamento masivo de datos.

PUBLICIDADE