Samsung lanza unha nova tableta resistente para negocios

luns, 19 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Para impulsar a produtividade máis aló da oficina Samsung presenta a nova tableta Galaxy Tab Active 4 Pro, que ofrece unha resistencia de grado militar, funcións de produtividade avanzada e a plataforma de seguridade Samsung Knox, buscando así atender á demanda de dispositivos robustos para o traballo móbil.
Estamos ante unha tableta con pantalla de 10,1 polgadas e resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, que pese a súa resistencia contén o seu grosor en 10,2 milímetros e o seu peso en 674 gramos. A pantalla conta con protección Corning Gorilla Glass 5, a súa funda protectora permítelle soportar caídas a 1,2 metros de altura e tanto a tableta como o seu lapis dixitalizador contan con certificación IP68 de resistencia ante o po e a auga. Para unha maior tranquilidade, o dispositivo cumpre coa norma MIL-STD-810H que asegura que pode funcionar en altitudes, temperaturas, vibracións e humidade extremas.
A Galaxy Tab Active4 Pro tamén conta con teclas programables para iniciar rapidamente as aplicacións necesarias para o negocio ou de uso común; e a sensibilidade táctil da pantalla pode axustarse para o seu uso con luvas. Integra conectividade 5G e Wi-Fi 6; e tamén conta con NFC que pode empregarse na plataforma móbil Knox para puntos de venda, polo que pode ser unha ferramenta válida para negocios minoristas. Con Knox Capture tamén pode empregarse a tableta como escáner de códigos de barras.
Como vén sendo habitual na liña de produtos profesionais de Samsung, esta tableta con batería substituíble e carga rápida; contando tamén con modo de funcionamento sen batería (para, por exemplo, integrala nun quiosco).
Este produto chega a mercado europeo este mesmo mes.

PUBLICIDADE