Samsung podería lanzar un novo smartphone con Windows Phone en abril

luns, 31 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Imaxe filtrada do que podería ser o novo móbil de Samsung con Windows Phone

Espérase que abril sexa un mes importante para o sistema operativo móbil de Microsoft, por agardarse tanto a estrea de Windows Phone 8.1 na súa versión preliminar como o lanzamento de varios novos terminais da familia Lumia, pero hai filtracións que apuntan a que Samsung tamén quere unirse á festa cun atractivo Samsung ATIV SE, que pese a que esperábase que saíse coa nova versión do sistema operativo, finalmente parece que lanzarase con Windows Phone 8 para poder actualizarse semanas despois á versión 8.1 e así non adiar máis a súa distribución.
O novo terminal sería semellante ao Samsung GALAXY S4, cunha pantalla Full HD de 5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos, cámara de 13 Mpíxeles, 2 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante microSD. O seu prezo libre nos EE.UU. sería de 599 dólares (uns 435 euros), estando tamén dispoñible a través de operadora (posiblemente Verizon), buscando así competir cos últimos móbiles da familia Lumia no mercado americano.

PUBLICIDADE