Samsung prepara un móbil básico con Android 4.0 e altofalantes estéreo

martes, 9 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Samsung vai colocar no mercado un novo terminal móbil con Android, que pese a estar englobado na gama máis baixa da familia Galaxy como resulta evidente ao ver que ten unha pantalla de 3 polgadas cunha resolución de 240 x 320 píxeles, ten algúns elementos que poderiamos destacar, como que funcionará con Android 4.0 e terá antena de radio FM integrada, toma de auriculares de 3,5 milímetros e altofalantes frontais estéreo con efecto envolvente, de aí que o seu nome comercial vaia ser Samsung Galaxy Music.
Este móbil chegará con 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), Bluetooth 3.0, Wi-Fi N (con Wi-Fi Direct), GPS, cámara de 3 Mpíxeles, unha batería de 1.300 mAh, un grosor de 12,25 milímetros e un peso de 106,9 gramos.
O prezo e a data de lanzamento deste smartphone aínda non se fixeron públicos, pero ten toda a pinta de que este dispositivo pode acadar unha boa aceptación entre os móbiles básicos con Android de Samsung.

PUBLICIDADE