Samsung prepara unha tableta económica de 10,1 polgadas

luns, 18 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Coa tableta Galaxy Tab S5e Samsung quere ofrecer unha completa experiencia de uso dirixida a usuarios esixentes, pero para usuarios máis modestos tamén está a preparar unha interesante opción, a versión de 2019 da Galaxy Tab A 10.1, que en abril chegará ao mercado a un prezo de 210 euros para a súa versión con Wi-Fi e a 270 euros na súa versión con conectividade LTE (uns 70 euros menos do que custa a Galaxy Tab A 10.5).
Estamos ante un produto que, como ben reza o seu nome, conta cunha pantalla de 10,1 polgadas con resolución Full HD, en carcasa metálica plana, con altofalantes estéreo con son Dolby Atmos e un modo infantil que pode ser un bo reclamo para que os pais poidan realizar certo seguimento da actividade dos seus cativos, así como definir o tipo de contidos que poden utilizar os pequenos e o tempo do que dispoñen.
A nova Samsung Galaxy Tab A 10.1 conta cunhas especificacións moi contidas, como só 2 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno, pero soporta tarxetas microSD de até 400 GB e o seu procesador Exynos 7904 de 8 núcleos semella dabondo para a meirande parte das tarefas. Inclúe cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, Bluetooth 5.0, GPS e unha batería de 6.150 mAh que pode cargarse por USB-C.
Polo momento só está anunciado o seu lanzamento en Alemaña, pero é probable que se comercialice en toda Europa como unha interesante tableta de entrada.

PUBLICIDADE