Samsung presenta a familia de portátiles Galaxy Book3

mércores, 1 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Aproveitando o evento de presentación da nova familia de móbiles Galaxy S23, Samsung presentou tamén a súa familia de ordenadores portátiles Galaxy Book3, que inclúe os modelos Galaxy Book3 Ultra, Book3 Pro 360 e Book3 Pro. O Galaxy Book3 Ultra sería o equipo de gama premium, o Galaxy Book3 Pro 360 sería un convertible 2 en 1 con funcionalidade S Pen e o Galaxy Book3 Pro sería un ordenador máis delgado e lixeiro, que prima a mobilidade, de xeito que a nova familia atende demandas moi diferentes.
O Samsung Galaxy Book3 Ultra incorpora o último procesador Intel Core i9 de 13ª xeración e unha gráfica nVIDIA GeForce RTX 4070, converténdose no Galaxy Book máis potente até o momento, de xeito que sería un equipo válido para usuarios creativos e para xogadores de PC. A súa pantalla de 16 polgadas en un panel Dynamic AMOLED 2X cunha frecuencia de refresco adaptativa de 120 Hz e unha resolución de 2.880 x 1.800 píxeles, sendo capaz de achegar até 500 nits de brillo con contidos HDR. Pode equiparse con até 32 GB de RAM LPDDR5 e até 1 TB de SSD; conta con conectividade Wi-Fi 6E e Bluetooth 5.1; os seus catro altofalantes corren da conta de AKG; integra lector de impresións dixitais na tecla de acendido; e tamén conta cun porto USB-A, 2 portos Thunderbolt 4, HDMI 2.0 e toma para auriculares e micrófono. Pese ao seu grande tamaño, contén o seu peso en 1,79 quilos, e sairá á venda o vindeiro día 22.
Apostando por un público máis amplo temos os Samsung Galaxy Book 3 Pro con pantallas de 14 e 16 polgadas tamén con resolución de 2.880 x 1.800 píxeles, que manteñen o seu peso en 1,17 e 1,56 quilos respectivamente. Estes equipos funciona con procesadores Intel Core i5/i7 de 13ª xeración, gráfica Iris X, até 32 GB de RAM LPDDR5, até 1 TB de SSD, e sacrificando tamén a súa saída de vídeo para limitala a un porto HDMI 1.4. Chegarán ao mercado o 17 de febreiro a un prezo que parte dos 1.799 euros con pantalla de 14 polgadas e de 1.899 euros con pantalla de 16 polgadas.
Na mesma liña estaría o Samsung Galaxy Book3 Pro 360 con pantalla de 16 polgadas, que pesaría 1,66 quilos no seu modelo normal e 1,71 quilos no seu modelo con conectividade 5G. Temos así un ordenador que basicamente busca a portabilidade e a versatilidade, principalmente polo seu formato 2 en 1, e chegará ás tendas a un prezo que parte dos 1.999 euros.

PUBLICIDADE