Samsung presenta as primeiras tarxetas de memoria UFS, posibles sucesoras das microSD

xoves, 7 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Non só é importante a carreira pola capacidade de almacenamento nas tarxetas de memoria, senón que agora que se traballa con vídeo en ultra alta definición e de 360 graos a velocidade é cada vez máis crítica, e para innovar neste ámbito Samsung Electronics desvela hoxe as súas novas tarxetas co estándar Universal Flash Storage (UFS) de JEDEC que en capacidades de 256, 128, 64 e 32 GB supoñen unha importante mellora de rendemento para os sistemas de almacenamento externo.
Mentres as tarxetas microSD ordinarias conseguen velocidades de lectura secuencial de 530 Mbytes por segundo, comparable ao que conseguen a meirande parte das unidades SSD SATA que usamos nos nosos equipos informáticos, coas tarxetas UFS os consumidores poderían ler unha película Full HD de 5 GB nuns 10 segundos, mentres que a unha tarxeta microSD UHS-1 levaríalle uns 50 segundos. En lectura aleatoria as tarxetas UFS poden funcionar até 20 veces máis rápido que as tarxetas microSD habituais.
En velocidades de escritura tamén se compartan moi ben, e as tarxetas UFS de 256 GB poden gravar até 170 Mbytes por segundo, dobrando a velocidade das tarxetas microSD de alto rendemento, o que agradecerán especialmente os profesionais da imaxe.

PUBLICIDADE