Samsung presenta as últimas innovacións do seu C-Lab

martes, 2 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

De cara ao CES de Las Vegas é habitual que Samsung amose algún dos produtos que está a desenvolver no seu laboratorio creativo (o C-Lab), que normalmente non chegan a traducirse en produtos comerciais (cando menos comercializados directamente pola compañía surcoreana) como aconteceu cos produtos presentados hai un par de anos.
Desta volta os produtos innovadores que levan a Las Vegas son bastante rechamantes, e cando menos o S-Ray parece que está chamado a integrarse nalgún produto comercial no futuro, xa que trátase dun altofalante portátil con son direccional, ou sexa, que permitiría gozar dun sistema de son persoal coa comodidade dos altofalantes. Esta tecnoloxía de altofalantes direccionais pode adoptar distintas formas, pero unha das máis atractivas sería a de banda para o pescozo, de xeito que con levar esta especie de colar poderiamos escoitar música sen ter que ocupar o pavillón auditivo con auriculares e sen que a xente que estea ao noso redor escoite o que reproducimos. Outros formatos dispoñibles serían un pequeno altofalante con forma de pinza para colocar no ordenador portátil (para proxector o son ao usuario que estea diante) e incluso unha funda para o smartphone que integre esta tecnoloxía.
Outro produto realmente revolucionario serían as lentes Relúmĭno, que xa puideron verse en 2017 no Mobile World Congress, e que axudarían ás persoas con problemas de visión a ler un libro ou ver un obxecto, para o que conéctanse a un smartphone, que será o dispositivo que se encargará de procesar os vídeos que cheguen da cámara das lentes e procesarán as imaxes para amosalas dun xeito que sexan máis axeitadas á vista do usuario (por exemplo, invertendo as cores para facilitar a lectura dun libro, de xeito que as páxinas veríanse con letras brancas sobre fondo negro).
O produto máis específico sería GoBreath, que vén a ser unha solución para xente que padeceu danos pulmonares e padecen de complicacións pulmonares postoperatorias, ou sexa, que precisan da realización de exercicios de respiración profunda para unha recuperación máis rápida, ao que axudará esta desenvolvemento de Samsung que combina un dispositivo portátil cunha aplicación móbil que axudarán aos pacientes técnicas básicas de inspiración, tusido e respiración profunda.

GoBreath é unha solución para persoas que estean recuperarse de danos pulmonares

PUBLICIDADE