Samsung presenta na India un smartphone con pantalla de 7 polgadas

venres, 8 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses estamos a ver como os usuarios perderon o pudor de usar smartphones de grande tamaño, de xeito que moitos fabricantes animáronse a lanzar dispositivos con pantallas de máis de 6 polgadas, e agora a propia Samsung entra nesta pugna, pero non cunha nova versión do seu Galaxy Note (terminal pioneiro nas pantallas de grande tamaño) senón cun terminal de baixa gama, o Galaxy J Max, que sorprende cunha pantalla de 7 polgadas e que sairá á venda na India a finais de mes a un prezo de 13.400 rupias (180,61 euros).
Cómpre salientar que estamos ante un smartphone moi básico, cunha pantalla que, pese ao seu tamaño, ten unha resolución de só 1.280 x 800 píxeles e carece da tecnoloxía Super AMOLED da que habitualmente presume Samsung. Tamén limítase a un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, 1,5 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD) e cámaras de 8 e 2 Mpíxeles. Ou sexa, que non é un smartphone punteiro, pero que aínda así conta con conectividade 4G con soporte de VoLTE, dobre SIM, radio FM, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e, moi especialmente, unha batería de 4.000 mAh que debería permitirlle gozar dunha boa autonomía.
Pese a estarmos ante un terminal de grande tamaño, o seu grosor é de só 8,7 milímetros e venderase en cores negra e dourada, aínda que probablemente non chegue a saír do mercado da India na súa configuración actual (xa que falamos dun dispositivo que integra o modo S bike, innovación destinada á condución en bicicleta na India), parece probable que vexamos no mercado europeo unha variante deste smartphone para atender a demanda de usuarios que non buscan un trebello potente, pero si queren unha pantalla de grande tamaño para unha lectura confortable.

PUBLICIDADE