Samsung presenta novos monitores que integran xogo na nube

mércores, 24 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da feira de videoxogos Gamescom dende Samsung presentan novos integrantes da súa liña de monitores Odyssey, orientados a unha magnífica experiencia de xogo, sendo o modelo máis salientable o Odyssey Ark, xa que é o primeiro monitor gaming curvo 1000R de 55 polgadas do mundo, cunha taxa de refresco de 165 Hz, un tempo de resposta de 1 milisegundo e un novo modo cabina (ou sexa, que está preparado para colocalo en orientación vertical, algo realmente impresionante nunha pantalla de tal tamaño).
O monitor Odyssey Ark ten tecnoloxía Quantum Matrix impulsada por Quamtum Mini LED, ou sexa, que ofrece un control ultrafino e preciso dos LED empaquetados densamente cun procesamento de 14 bits, mellorado por 16.384 niveis de negro e unha relación de contraste estático de 1.000.000:1.
Tamén podemos salientar que o monitor conta con Matte Display (o sexa, que a súa pantalla evita os reflexos, algo moi importante dada a súa curvatura) e Sound Dome, ou sexa, que integra altofalantes nas súas esquinas e woofers centrais o que resulta nunha canle 2.2.2 de 60 watts con notas máis baixas de 45 Hz de calquera monitor ou barra de son gaming.
O monitor pode controlarse cun mando a distancia Ark Dial que pode cargarse mediante USB-C ou por enerxía solar. O Odyssey Ark está xa dispoñible en reserva a un prezo de 2.999 euros, recibiendo os que o adquiran como agasallo un volante Logitech G29 valorado en 399 euros.
Os outros monitores presentados por Samsung serían o Odyssey G70B e G65B, moito máis ordinarios que o Ark, pero co que coinciden nunha característica moi interesante: todos os monitores presentados na Gamescom contan con Samsung Smart Platform (ou sexa, corren aplicacións de Smart TV) e inclúen Samsung Gaming Hub (ou sexa, son compatibles cos servizos de xogo na nube de Xbox, Stadia e nVIDIA).
O Odyssey G70B chega en tamaños de 28 e 32 polgadas, cunha taxa de refresco de 144 Hz, un tempo de resposta de 1 milisegundo, resolución UHD e panel IPS plano; mentres que o Odyssey G65B tería tamaños de 27 e 32 polgadas, unha taxa de refresco de 240 Hz, velocidade de resposta de 1 milisegundo, e un panel curvo 1000R con resolución QuadHD.
Estes últimos monitores chegarán ao mercado no cuarto trimestre do ano.

Vídeo promocional do monitor Odyssey Ark

PUBLICIDADE