Samsung presenta o GALAXY Note 4 xunto cun innovador Note Edge

venres, 5 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Se algo pareceu desprenderse da presente edición da feira IFA de Berlín é que os smartphones de grande pantalla son os produtos de maior actualidade, parecendo unha tendencia imparable, de xeito que os terminais de pequenas dimensións parecen relegados á gama baixa, e como exemplo dos tabletófonos de moda temos que unha vez máis Samsung volve colocarse como referente co novo GALAXY Note 4, smartphone presentado esta semana e que vén a ser unha evolución do Note 3, conservando tamaño de pantalla, pero mellorando a súa resolución.
Temos así que o GALAXY Note 4 pode presumir da súa pantalla Super AMOLED de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles. As cámaras tamén dan un importante salto adiante, cun sensor de 16 Mpíxeles con estabilizador óptico de imaxe na cámara traseira e 3,7 Mpíxeles na cámara frontal (ideal para auto-fotos). Continuando as xeracións anteriores desta familia, o Note 4 tamén conta co típico S Pen e escáner de pegadas dixitais, incluíndo un elemento realmente novo: un sensor de ultra-violeta.
Tamén vén con Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, NFC e función de mando a distancia por infravermellos. O novo smartphone está dotado con 3 Gb de RAM, 32 Gb de memoria interna (ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 Gb), ten un grosor de 8,5 milímetros e un peso de 176 gramos. A súa batería de 3.220 mAh tamén conta con tecnoloxía de carga rápida, que é un bo complemento á súa autonomía.
Pero Samsung non se conformou cun único Note, e tamén presentou o GALAXY Note Edge, unha curiosa proposta innovadora que destaca por contar cunha zona de pantalla curva nos bordes que buscan servir como acceso rápido ás aplicacións máis frecuentemente usadas, as alertas e ás funcionalidades do trebello, que está accesible incluso cando temos a tapa do móbil pechada. Entre as súas funcións destaca, por exemplo, que esta marxe curva poida amosar notificacións mentres estamos a reproducir un vídeo (sen invadir a área de reprodución do corte).
Este novo terminal adopta unha pantalla Super AMOLED de 5,6 polgadas , cunha resolución de 2.560 x 1.440 + 160 píxeles, estando moi preto do Note 4 en case todo. Aparte do modelo de 32 Gb de almacenamento interno, tamén contará cun modelo de 64 Gb, o seu grosor redúcese até os 8,3 milímetros, o seu peso queda en 174 gramos e a súa batería limítase aos 3.000 mAh.
Ambos smartphones chegarán ao mercado no mes de outubro.

O GALAXY Note Edge é a proposta innovadora de Samsung nos seus tabletófonos


Vídeo oficial do Samsung GALAXY Note 4

PUBLICIDADE