Samsung presenta o mando que terán este ano os seus Smart TV

xoves, 2 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Estes días Samsung vai amosar no Consumer Electronics Show (CES) de Las Vegas un mando a distancia para os seus novos televisores conectados, que tiran proveito do control de movemento para conseguir un manexo máis áxil das funcións avanzadas.
Este novo mando, coñecido polo nome de Samsung Smart Control, integra unha nova consola de botóns e unha zona táctil (situada entre os seus botóns de dirección), para conseguir unha selección de contidos máis precisa e uns movementos máis áxiles, permitindo tamén o desprazamento entre os elementos en pantalla mediante xestos (como se fose un mando da Wii) sen esquecer un botón que activa o recoñecemento de voz para poder falar directamente ao mando para darlle ordes ao televisor en linguaxe natural (o que tamén fai moi rápida a localización do contido que desexemos reproducir).
A forma curva e ovalada deste novo mando a distancia tamén facilita un agarre firme a cómodo, de xeito que non estamos só ante un accesorio co último en tecnoloxía, senón tamén cunha coidada ergonomía para que o seu manexo sexa agradable.

PUBLICIDADE