Samsung presenta o seu novo smartwatch

martes, 1 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Mentres Android Wear prospera a bo ritmo, incluso integrando compatibilidade con iOS, Samsung quere continuar a explorar outras opcións independentes da tecnoloxía de Google, e presenta o seu Samsung Gear S2, un novo smartwatch baseado en Tizen que presume de deseño circular, cunha interface de usuario intuitiva e innovadora, destacando polo marco xiratorio e os botóns de Inicio e Atrás, que fan que os usuarios poidan acceder dun xeito máis rápido e cómodo a notificacións e aplicacións.

O Samsung Gear S2 classic pode funcionar como monitor de actividade

Atendendo a distintas sensibilidades estéticas, o novo smartwatch chegará en dous modelos, o básico Gear S2 e un Gear S2 classic, que abraza o deseño dos reloxos de pulso tradicionais cun acabado en cor negra e correa de coiro. Estes reloxos contan cunha pantalla circular de 1,2 polgadas cunha resolución de 360 x 360 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1 GHz e un grosor de só 11,4 milímetros, facilitando a recepción de notificacións do smartphone no pulso, aínda que tamén estará dispoñible unha versión do Gear S2 con conectividade 3G, que incorporaría a primeira e-SIM con capacidades de voz, para poder realizar funcións rápidas sen que o reloxo estea nas proximidades do smartphone.
Os reloxos Samsung Gear 2 tamén pode funcionar como monitor de actividade e, ao integrar NFC, pode empregarse como moedeiro electrónico ou incluso como chave do automóbil, da casa ou da habitación do hotel (uso que aínda parecen lonxe de popularizarse). Como grande vantaxe fronte a outros dispositivos como o Apple Wach, o Samsung Gear S2 presume dunha autonomía de 2-3 días, podendo recargarse a batería con só pousar o reloxo na súa base de carga.

PUBLICIDADE