Samsung presenta o seu primeiro móbil WiMax

venres, 10 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os teléfonos móbiles empregan habitualmente tecnoloxías exclusivas para establecer comunicacións coma GSM, GPRS ou UMTS, pero tamén hai modelos que incorporan conectividade Wi-Fi, o que permite empregar as redes domésticas e corporativas para empregar servizos de banda larga ou para efectuar chamadas a través de tecnoloxías VoIP, e agora Samsung abre a porta á tecnoloxía WiMax (coñecida na súa modalidade móbil coma WiBro) co seu terminal SPH-M8100.
A tecnoloxía WiMax mellora tanto a velocidade como a cobertura con respecto a Wi-Fi, e nos móbiles abriría as comunicacións de datos a velocidades de ata 20 Mbps e tamén permitiría realizar chamadas, aínda que no terminal do que falamos non estariamos a falar exactamente dun teléfono, xa que non funciona a través de redes alternativas, polo que sería un dispositivo móbil que permite efectuar chamadas (¿terán un nome diferenciado no futuro?).
Ademais, o dispositivo tamén pode recibir televisión dixital con tecnoloxía T-DMB (actualmente en funcionamento en Corea do Sur) e tamén inclúe unha saída de televisión (de xeito que se pode converter nun curioso receptor doméstico de televisión dixital). Tamén pode empregarse como dispositivo de conexión para un ordenador portátil, polo que as posibilidades das novas tecnoloxías sen fíos promete grandes vantaxes en mobilidade.

PUBLICIDADE