Samsung presenta o seu primeiro monitor 5K

luns, 2 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Samsung vai levar unha serie de monitores ao CES de Las Vegas entre os que chama poderosamente a atención o ViewFinity S9, xa que o feito de que sexa unha pantalla 5K de 27 polgadas e estea optimizado para profesionais creativos (deseñadores gráficos e fotógrafos) fai pensar que estamos ante un competidor directo do Studio Display de Apple.
Que o monitor conte con conexións USB-C e Thunderbolt 4 reforza o feito de que esteamos ante un monitor orientado a usuarios de Mac, aínda que inclúe elementos que permítenlle diferenciarse bastante do Studio Display, como que integra Samsung Smart Hub, ou sexa, que pode executar aplicacións propias dun Smart TV de xeito nativo e incluso ten unha cámara web 4K SlimFit compatible con aplicacións como Google Meet (integrada no Smart Hub).
O Samsung ViewFinder S9 ten unha pantalla mate que limita os reflexos de luz e os brillos que poden resultar molestos para traballar con imaxes, e tamén conta coa aplicación Samsung Smart Calibration, que facilita un bo auste do balance de brancos, a gamma e o balance de cor RGB para con seguir unha grande precisión de cor.
Aínda non se desvelou o prezo que terá este monitor, pero se temos en conta que o Studio Display de Apple con pantalla de vidro nanotexturizado parte dos 2.029 euros podemos entender que Samsung ten bastante marxe para poder comercializar o seu novo produto a un prezo competitivo.

PUBLICIDADE