Samsung presenta un proxector compacto moi versátil

mércores, 5 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Os videoproxectores compactos gañaron popularidade nos últimos anos, especialmente dende que poden integrar capacidades de Smart TV, de xeito que válense por si mesmos para ofrecer contidos en pantalla grande, e para atender á demanda deste tipo de produtos Samsung leva ao CES de Las Vegas o seu proxector The Freestyle.
Este novo produto integra nun único dispositivo un proxector, un altofalante conectado e un dispositivo de iluminación ambiental, con dimensións reducidas e un peso duns 800 gramos, polo que pode levarse a onde se precise para converter unha superficie despexada nunha pantalla de até 100 polgadas.
The Freestyle conta con función de corrección trapezoidal automática e nivelación automática, facendo moi doado o seu uso, para poder gozar dos nosos contidos favoritos de servizos en streaming ou proxectados dende dispositivos móbiles (contando tamén cunha entrada HDMI 1.4). Integra un potente altofalante de 360 graos (apoiado por un par de woofers pasivos) e micrófono para poder atender a control por voz (é compatible con Bixby, o asistente de Google e Alexa).
Para ser aínda máis práctico, é compatible con baterías externas, de xeito que pode empregarse como un proxector portátil.
Pese ao seu tamaño compacto, estamos ante un proxector DLP con iluminación LED con resolución Full HD; a súa lámpada promete unha vida de 20.000 horas de uso; pode proxectar pantallas de entre 30 e 100 polgadas a unha distancia de entre 0,8 e 2,7 metros; ten un brillo de 230 lumenes (polo que está pensado para estancias pechadas con pouca luz); e o seu software e a súa conectividade permítenlle funcionar coma se fose un Smart TV de Samsung (funciona con Tizen).
Está previsto que hoxe mesmo poida reservarse en España, aínda que o seu prezo non será precisamente económico (nos EE.UU. custa 899,99 dólares).

Vídeo de presentación do proxector The Freestyle

PUBLICIDADE