Samsung presenta unha funda para móbiles que detecta obstáculos mediante ultrasóns

venres, 14 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe un novo membro da súa familia de móbiles con Android, o GALAXY Core Advance, que chega cunha pantalla de 4,7 polgadas cunha resolucíón de 800 x 480 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, USB 2.0, NFC, Bluetooth 4.0, batería de 2.000 mAh, un grosor de 9,7 milímetros e un peso de 145 gramos que habitualmente pasaría totalmente desapercibido por ter unhas prestacións bastante mediocres, pero que destaca por gozar cunha serie de accesorios que buscan atender a necesidades moi específicas, como unha funda ultrasónica que permitirá que os usuarios poidan detectar obstáculos e moverse por lugares cos que non estean familiarizados, recibindo alertas vibratorias ou de voz.
O usuario pode suxeitar o móbil coa funda para saber o que hai no seu contorno, detectándose a presenza de persoas e obxectos a unha distancia de ata 2 metros, de xeito que as persoas con dificultades visuais poderán ter un sentido do espazo que podería lembrarnos aos morcegos.
Adicionalmente tamén estará dispoñible un soporte para empregar o teléfono a xeito de escáner e etiquetas NFC asociadas a anotacións de voz, que poderán incorporarse a obxectos para facilitar ao seu recoñecemento co móbil (podendo incluso engadirse explicacións sobre os mesmos, no que poderiamos considerar como unha alternativa electrónica das etiquetas que tradicionalmente inclúen os produtos comerciais).

PUBLICIDADE