Samsung presenta unha tecnoloxía que evita a morte das unidades SSD

venres, 20 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Samsung está a presentar innovacións para as súas unidades de estado sólido (SSD) PCIe de cuarta xeración, entre as que destaca especialmente a tecnoloxía FIP ou fail-in-place, que asegura que as unidades SSD non morran, xa que o sistema detecta cando se produce un fallo nun dos chips NAND e, cando iso acontece, en vez de obrigar a mercar unha unidade SSD nova, comproba os danos no chip e copia os datos a outros chips operativos, o que alonga considerablemente a vida e a fiabilidade das unidades SSD.
Tamén incorpora virtualización ás unidades SSD, de xeito que unha única unidade pode dividirse en até 64 unidades virtuais, buscando así que nos centros de datos poida reducirse a pegada das unidades de almacenamento.
E, por último, tamén presentan tecnoloxía de machine learning V-NAND, que analiza o comportamento das unidades mediante análise de big data e consegue así mellorar a súa dispoñibilidade e rendemento.
Aproveitan o anuncio destas tecnoloxías para dar a coñecer a entrada en produción masiva das novas unidades PM1733 e PM1735. A Samsung PM1735 ten capacidade de até 12,8 TB, mentres que a PM1733 chega até os 30,72 TB, podendo ambos modelos conseguir velocidades de lectura de até 8.000 MB/segundo e de gravación de até 3.800 MB/segundo.

PUBLICIDADE