Samsung terá versións Lite do S10 e o Note10

xoves, 9 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Unha das novidades de Samsung que máis atención captou nos últimos días é a presentación do novos smartphones que sairán á venda o 31 de xaneiro e que ampliarán a súa gama alta actual cun par de teléfonos Lite que, en contraste co que acontece con outras marcas, non serán versións moi recortadas dos seus irmáns, senón pequenas variantes cun prezo un pouco máis axustado.
Temos así os novos Galaxy S10 Lite o Galaxy Note10 Lite, que poderán mercarse a prezos oficiais que parten dos 679 e 629 euros respectivamente, cantidades moi inferiores ás de lanzamento dos seus irmáns maiores, pero bastante próximas aos prezos de mercado actuais.
O Galaxy S10 Lite ten unha pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,7 polgadas certificada para HDR10+, procesador de 8 núcleos, 6/8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, cámara traseira tripla (cun sensor principal de 48 Mpíxeles) cámara frontal de 32 Mpíxeles, e batería de 4.500 mAh.
Pola súa banda o Galaxy Note10, pese a incorporar o S Pen, compartiría boa parte das prestacións, pero sería lixeiramente inferior, reducindo o sensor principal da súa cámara traseira tripla a 12 Mpíxeles (aínda que incrementando a súa apertura de f/2.0 a f/1.7), concesións coas que conseguen achegar os móbiles con stylus a un publico maior, o que agradecerán enormemente os amantes deste tipo de accesorio.

PUBLICIDADE