Samsung trae a España o seu último encerado dixital

venres, 25 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Dende esta semana as empresas españolas poden facerse cun dos encerados dixitais interactivos Samsung Flip 2, que perseguen simplificar o espazo de traballo, ofrecendo un grande número de posibilidades á hora de xerar e compartir ideas nunha xuntanza. A través dun uso moi sinxelo, permite múltiples opcións de escritura para personalizar anotacións e realizar ilustracións, ofrecendo unha experiencia de usuario mellorada.
Flip 2 ofrece unha pantalla de ultra alta definición cun tempo de resposta de 6,8 milisegundos, o que permite unha escritura fluída nunha variedade de estilos e colores sen retardo. Tamén mellora a velocidade de recoñecemento de texto fronte á versión anterior deste encerado dixital.
Con Flip 2 é posible que até 4 persoas traballen na pantalla ao mesmo tempo, utilizando o lapis magnético Flip-pen para escribir as súas notas, ou incluso calquera bolígrafo para destacar determinados datos. A pantalla tamén recoñecen o grosor dos obxectos de escritura para reflectilo (e incluso conta con función de pincel, para converter o encerado nun lenzo). Para a elaboración de presentacións dun xeito áxil e sinxelo o dispositivo inclúe moldes precargados.
A nova versión do encerado permite recortar, editar e mover imaxes cun clic en documentos de até 20 páxinas. Tamén permite almacenar información mediante un código PIN de 6 díxitos, polo que os traballos realizados poden finalizarse posteriormente sen que ninguén poida acceder aos mesmos.
As imaxes, os documentos de Word, as follas de cálculo de Excel ou os PDF poden transferirse por Wi-Fi ou Bluetooth dende un ordenador ou smartphone, e Flip 2 tamén ten acceso a Office 365, VMware Horizon e Samsung Workplace para a descarga de documentos na nube.
Inclúe navegador web, reprodución de vídeo, compartir pantalla e a conexión de periféricos como un teclado ou un rato a través de Bluetooth, converténdose nun dispositivo moi versátil que está dispoñible en tamaños de 55 e 65 polgadas. A versión de 55 polgadas preséntase nun soporte fino con rodas que deixa espazo ao seu redor e busca facilitar o seu transporte; mentres que a versión de 65 polgadas é ideal para salas de xuntanzas máis grandes e pode colocarse na parede empregando un soporte opcional. A pantalla tamén pode empregarse en vertical ou horizontal para adaptarse ás necesidades do momento.
Este produto busca transformar o traballo diario en oficinas, centros educativos e axencias creativas.

Vídeo promocional do Samsung Flip 2

PUBLICIDADE