Samsung vende un millón de televisores The Frame en 2021

luns, 29 de novembro do 2021 Marcus Fernández

En 2017 Samsung sorprendeu presentando The Frame, un televisor cun deseño premium que presentaba a aparencia dun cadro pendurado na parede, e aínda que poderiamos pensar que estabamos ante un produto cun mercado moi limitado, finalmente esta liña de produto callou no mercado e durante o presente ano conseguiu vender máis dun millón de unidades e confían rematar o ano superando os 2 millóns de unidades deste tipo de televisores dende o seu lanzamento.
Os televisores The Frame buscan reflectir os gustos e as necesidades de estilo de vida das persoas, de xeito que cando o dispositivo está en uso funciona como un televisor con imaxe 4K, e cando está apagado pode converterse nun cadro que se integra coa decoración, dicindo adeus á pantalla en negro e incluso podendo contar con marcos de diferentes cores para dotalo dun toque máis persoal.
Actualmente os televisores The Frame véndense en España en cinco tamaños diferentes (32, 43, 50, 55 e 65 polgadas), cun grosor de só 24,9 milímetros nos modelos de 2021 (que teñen case a metade de grosor que os modelos anteriores).
Para decorar o televisor con obras de arte estes televisores integran unha tenda con máis de 1.500 obras de arte de museos e galerías de todo o mundo, como o Louvre francés ou o Museo do Prado, así como fotografías de Magnum Photos e YellowKorner.

PUBLICIDADE