SanDisk incrementa a velocidade e capacidade das súas unidades SSD profesionais

venres, 2 de maio do 2014 Marcus Fernández

A substitución dos discos duros tradicionais por unidades SSD está a ser un dos elementos que máis contribúen á mellora de velocidade de equipos informáticos, aínda que esta migración está a ser bastante lenta por mor do elevado prezos e reducidas capacidades das unidades de estado sólido, o que vai mudando pouco a pouco, e estes días SanDisk anuncia a primeira unidade SSD para Serial Attached SCSI (SAS) cunha capacidade de 4 Tb.
O SanDisk Optimus MAX de 4 Tb sería así unha unidade de uso empresarial que está chamada a ocupar o lugar dos discos duros tradicionais en centros de procesamento de datos, conseguindo un rendemento óptimo por un prezo cada vez máis asumible. Esta nova unidade funciona cunha interface SAS de 6 Gbps, pode realizar escrituras/lecturas secuenciais a ata 400 Mbytes/segundo e, aínda que actualmente a súa capacidade é de 4 Tb, esperan que a finais de ano conte cunha versión de 8 Tb á que seguiríalle outra de 16 Tb en 2015.
SanDisk tamén presentou estes días as novas unidades Lightning Ultra Gen II SSD, que sen chegar ás elevadas capacidades das anteriores, funcionan con interfaces SAS de 12 Gbps, polo que poderían chegar a velocidades de ata 1 Tb de lectura por segundo ou 600 Mbytes de escritura por segundo. Estas unidades están dispoñibles polo momento en capacidades de 200, 400 e 800 Gb, introducindo SanDisk tamén no seu catálogo varias liñas de produtos intermedios, para facilitando o equilibrio entre velocidade e capacidade que se precise en cada escenario.


Vídeo de presentación do SanDisk Optimus MAX SAS SSD de 4 Tb

PUBLICIDADE