SanDisk presenta as súas tarxetas SD WORM de 1 Gb

xoves, 24 de xuño do 2010 Marcus Fernández

A SanDisk Corporation anuncia que vén de elevar a capacidade das súas tarxetas de memoria SD WORM (write once read many) a 1 Gbyte, de xeito que este tipo de unidades incrementan as súas posibilidades, especialmente nun momento no que as fotografías dixitais teñen cada vez maiores resolucións.
As tarxetas SD WORM caracterízanse polo feito de que os ficheiros só poden gravarse nas mesmas unha vez, o que permite que a súa vida útil sexa moi elevada (ata 100 anos) e serviría especialmente para documentación forense, posto que ao non poder modificarse os contidos gravados nas mesmas son ideais para datos que deban permanecer inalterados ao longo do tempo, especialmente con carácter probatorio.
Ata o momento podía realizarse algo semellante con unidades de almacenamento óptico coma discos CD-R ou DVD-R, pero estes soportes non teñen garantida a súa integridade a longo prazo, o que parecen solucionar as unidades SD WORM que, amais, operan en cámaras dixitais, de xeito que as fotografías e vídeos captados teñen garantía de orixinalidade, o que parece evidente que non resulta atractivo para usuario domésticos, pero que pode ser de especial relevancia en contornos xudiciais e corporativos.

PUBLICIDADE