SanDisk presenta unha tarxeta microSD de 200 GB

martes, 3 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración do Mobile World Congress en Barcelona, SanDisk está a amosar a nova tarxeta de memoria para dispositivos móbiles de maior capacidade do mercado, e que sairá á venda no segundo trimestre do ano a un prezo de 399,99 dólares. Trátase dun novo modelo da SanDisk Ultra microSDXC UHS-I que tras revolucionar o sector con 128 GB de espazo o ano pasado, agora eleva a súa capacidade até os 200 GB, mantendo o seu minúsculo tamaño e atendendo así a demanda de cada vez máis capacidade que hai nalgúns dispositivos móbiles (especialmente á hora de almacenar vídeo en alta definición e 4K).
Este tipo de tarxeta de memoria está principalmente recomendada para smartphones e tabletas con Android, que contan incluso coa aplicación de balde Memory Zone para a súa optimización. Pero non só gozan dunha grande capacidade, senón que estas tarxetas de memoria tamén teñen un bo rendemento, podendo transmitir até 90 MB por segundo, o que permitiría, por exemplo, mover até 1.200 fotografías por minuto.

PUBLICIDADE