Santiago botará man do Big Data para mellorar en turismo

luns, 29 de outubro do 2018 Redacción

Pode o chamado Big Data, a análise da información a gran escala, mellorar a nosa actividade turística, atraer máis visitantes e facer que os que xa viñeron recunquen e nos recomenden, amais de mellorar os servizos, incrementar a sustentabilidade e repercutir positivamente nas cidades-destino? Para o Concello de Santiago, a resposta á devandita pregunta é positiva, de aí que se lanzase a traballar nun proxecto conxunto para dar forma a un observatorio de turismo cuxa materia prima principal serán, precisamente, os datos. Ou sexa, a información inxente que non para de medrar e, polo tanto, é cada vez de meirande utilidade.
O proxecto foi dado a coñecer a semana pasada pola concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, que informou de que se trata dunha iniciativa europea na que colaboran oito entidades e que leva por nome Big e Open Data para o desenvolvemento de novos procesos cara a xestión do patrimonio atlántico (BODAH). Segundo engadiu, virá cunha achega económica de 1.571.373 euros procedentes da Unión Europea. A contía para Compostela será de 247.000 euros.
Lois sinalou que BODAH ten como obxectivo “fortalecer un desenvolvemento máis sustentábel do turismo, os fluxos de persoas e a redistribución de impactos socioecónomicos, grazas ao uso de datos”. Ao seu abeiro darase forma a novas ferramentas e solucións acordes ás características dos “destinos intelixentes”, impulsando as capacidades de cada un deles para “recoller, xerar, integrar e analizar datos para tomar decisións informadas e ter un impacto nos comportamentos”.
A edil explicou que para o Concello de Santiago traballar neste proxecto é sentar os alicerces dun observatorio do turismo que permita, utilizando as novas tecnoloxías, “recoller datos sobre os fluxos turísticos na área patrimonial, así como os alugueres turísticos”. Isto fornecerá de datos moi precisos sobre visitantes e rutas turísticas intramuros, así como información útil sobre os alugueres turísticos de cara a seguir avanzando na súa localización e regulación.
Participan tamén, liderados polo Concello de Santiago, entidades e institucións como a Fundación Santa María la Real del Patrimonio Histórico (formada por Huelva, Cádiz e Sevilla); Fomento San Sebastián ou universidades como a de Lisboa, Gales ou o Instituto de Tecnoloxía de Cork.
O proxecto desenvolverase dende abril do 2019 e ata decembro do 2021 e será coordinado polo Concello de Santiago en estreita colaboración cos socios europeos.

PUBLICIDADE