Satechi presenta unha carcasa para conectar unidades SSD por Thunderbolt 4

luns, 9 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Os equipos con procesadores Apple Silicon teñen como principal problema para os usuarios a imposibilidade de ampliar a súa memoria (tanto RAM como SSD) de xeito interno, obrigando moitas veces a adquirir equipos con configuracións demasiado completas para evitar quedar curtos en breve, o que supón un incremento de prezo máis que considerable.
Pero no caso do almacenamento interno a ampliación da capacidade é algo que pode solucionarse de xeito externo, a través dos portos USB4/Thunderbolt 4 dos equipos, que permiten transmisións de datos de até 40 Gbps, polo que presentan un comportamento que pode equipararse ao almacenamento interno.
Atendendo a esta posibilidade o fabricante Satechi presentou no marco do CES de Las Vegas o seu novo USB4 NVMe SSD Pro Enclosure, ou sexa, unha carcasa que permite conectar unha unidade SSD en formato M.2 a un equipo informático a través dun porto USB, aproveitando a súa velocidade de conexión ao máximo.
Esta nova carcasa é cmpatible con USB4, Thunderbolt 4 (40 Gbps), Thunderbolt 3, USB 3.2 Gen2 a 10 Gbps, USB 3.2 Gen1 (5 Gbps) e USB 2.0 (480 Mbps), e pode albergar unidades SSD M.2 NVMe de 2280, 2260 ou 2242 cunha capacidade máxima de 16 TB, prometendo velocidades de lectura/escritura reais de até 3.840 MB/s (ou sexa, na liña do que na práctica conseguen os equipos coas unidades internas).
Un dos detalles máis significativos desta carcasa é que a instalación da unidade SSD non precisa de ferramentas para a súa instalación (nin sequera un pequeno desparafusador como acontece habitualmente neste tipo de carcasas), facendo que esteamos ante un accesorio moi doado de utilizar.
Está previsto que saia á venda no segundo trimestre do ano a un prezo de 119,99 dólares.

PUBLICIDADE