Scandinavia podería ser o primeiro televisor do mundo con Android integrado

martes, 6 de abril do 2010 Marcus Fernández

Coa chegada da TDT puidemos ver o fracaso do estándar MHP coma soporte para a televisión interactiva, e os fabricantes miran agora á Internet nos televisores como unha tendencia de futuro, e nesta liña xa está a traballar Google, levando o sistema operativo Android a este ámbito, o que os suecos People of Lava fixeron xa realidade na súa familia de televisores Scandinavia, que con pantallas Full HD de 42, 45 e 55 polgadas inclúen prestacións coma un navegador web e widgets que facilitan o acceso a vídeos de YouTube, Google Maps, Facebook, Twitter, o correo electrónico e información meteorolóxica, aínda que tamén é de agardar que no futuro existan aplicacións optimizadas para este tipo de dispositivo.
Estes televisores LED chegarán ao mercado en setembro, custando o modelo de 42 polgadas entre 2.000 e 2.500 euros (o resto de modelos irán chegando paulatinamente). Para facilitar as prestacións avanzadas dos televisores Scandinavia incorporarán un teclado sen fíos cun punteiro/rato.

Os televisores Scandinavia facilitan a visualización de contidos da Rede

PUBLICIDADE