Seagate incrementa a capacidade dos seus discos duros até os 10 TB

martes, 19 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Seagate vén de mellorar o seu catálogo de discos duros con novas capacidades para os BarraCuda Pro de escritorio, os IronWolf para aplicacións NAS e os SkyHawk para sistemas de vixilancia, de xeito que xa poden adquirirse con 10 TB de capacidade, permitindo así almacenar unha impresionante cantidade de datos no espazo habitual, atendendo así á sempre crecente demanda de almacenamento.
Destes novos discos duros os máis interesantes para os consumidores serían os Seagate BarraCuda Pro de 10 TB, que ofrecerían alta capacidade a un prezo asumible, co rendemento propio dun disco duro a 7.200 rpm e cunha garantía de 5 anos que é todo un compromiso pola fiabilidade destes dispositivos.
Polo momento o prezo de venda destas novas unidades nos EE.UU. están sobre os 500 dólares (o prezo recomendado é de 535 dólares), polo que o lanzamento da nova capacidade podería ser unha boa oportunidade para facerse coas unidades de menor tamaño, como as de 8 TB (que baixan dos 300 dólares) ou as de 6 TB (a un prezo próximo aos 200 dólares).

PUBLICIDADE