Seagate presenta un disco duro externo para ampliar a capacidade das Xbox

mércores, 5 de agosto do 2015 Marcus Fernández

As consolas de videoxogos de nova xeración teñen unha certa limitación de capacidade de almacenamento interno, de aí que estean a procurar pasar de discos duros de 500 GB a unidades de 1 TB, pero para os que xa teñan unha consola de 500 GB non é preciso desfacerse dela para incrementar a súa capacidade, senón que é posible ampliarlla mediante unidades externas, de aí que Seagate aproveitase a celebración da Gamescom de Colonia para anunciar o Game Drive para Xbox, un disco duro con 2 TB de capacidade, cun deseño que busca casar coas consolas Xbox One e Xbox 360.
A nova unidade de Seagate é un disco USB 3.0 cunhas medidas de 117 x 80 x 14 milímetros e un peso de 170 gramos, polo que sería válida para ter conectada constantemente á consola ou para levar connosco cando imos xogar nas consolas dos nosos amigos levando a nosa colección de xogos.
Dado que os xogos actuais para Xbox One teñen un tamaño de 30-50 GB en disco, a unidade de Seagate podería almacenar máis de 50 títulos nunha única localización, evitando así a molestia de andar a instalar e desinstalar xogos en función do espazo dispoñible no unidade interna da conla. Chegará en breve ao mercado, anunciando Seagate que o seu prezo recomendado sería de 109,99 dólares, aínda que o propio fabricante ofrece a unidade para a súa reserva por 99,99 dólares, polo que é de agardar que chegue ás tendas españolas a un prezo duns 100 euros (ou sexa, que custaría un chisco máis que unha unidade de iguales características do mesmo fabricante, pagando un pequeno extra por contar cun deseño acaído á Xbox).

Máis de 50 xogos de Xbox One poderían gardarse na nova unidade de disco de Seagate

PUBLICIDADE