Sectéra Edge: o móbil que a NSA autoriza para usos gobernamentais e militares

xoves, 18 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A Axencia Nacional de Seguridade (NSA) norteamericana coida a seguridade dos EE.UU. especialmente no tocante á seguridade informática, e así o feito de que autorizasen ó Exército e ó persoal gobernamental a adquirir móbiles intelixentes de General Dynamics supón toda unha garantía para a compañía no tocante ó seus terminais seguros.
O móbil elixido polas autoridades estadounidenses é o Sectéra Edge, que parece un terminal de telefonía intelixente máis (permitindo conectarse á unha rede de telefonía ordinario ou mediante Wi-Fi) pero que con só premer un botón pode pasar a un modo encriptado (cos protocolos SCIP e HAIPE IS).
Ademais, o terminal está deseñado para cumprir coas demandas de resistencia habituais para o seu uso militar (está deseñado segundo a especificación MIL-STD-810F) soportando caídas, vibracións, temperaturas extremas, cambios bruscos de temperatura, é somerxible e resiste o po, a humidade e a altitude.
O Sectéra Edge é cuatribanda, funcionando tanto en redes GSM como CDMA, permite comunicacións VoIP, pode conectarse a servidores de correo electrónico seguros, soporta IPv6, sincroniza por cable ou sen fíos e estará dispoñible antes de rematar o ano, esperándose uns pedidos por valor duns 300 millóns de dólares nos vindeiros 5 anos.

PUBLICIDADE