SensorFreshQ, un nariz moi xeitoso que arrecende o estado dos alimentos

mércores, 7 de marzo do 2007 Raquel Noya

Supoñamos que estamos acatarrados logo de pasar a noite ó frío e que polas nosas ulideiras non entra absolutamente ningún tipo de arrecendo (nin bo nin malo, é o que ten) e supoñamos asemade que temos que cociñar unha pescada que leva no frigorífico un par de semanas (neste caso non faría falla cheirar o alimento porque é de supoñer que estará en mal estado) e que queremos preparala como boamente sabemos sen matar a ningún dos comensais convidados ó xantar. Pois ben, unha solución á nosa medida sería o SensorFreshQ, un nariz electrónico que detecta as bacterias nas materias crúas dos alimentos.
O devandito aparello toma 2.000 lecturas por minuto para determinar se o peixe, o caxoto do polo ou o que queiramos aproveitar pódese comer ou (pola contra) debemos despedirnos del e pousalo definitivamente no balde do lixo. Ten tres estados básicos que alumean con cadansúa cor: o verde significa “moi ben”, o laranxa “non tan ben pero aproveitable” e o vermello significa “moi mal”. é dicir, alimento de gato de aldea.

PUBLICIDADE