SensorfreshQ: un aparello que analiza o nivel de bacterias da carne

xoves, 5 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Gadgets hai moitos e de todo tipo (dende o móbil que empregamos até o iPod), pero o termo gadget está a derivar cada vez máis (e sen que se poida facer nada para evitalo) cara a o rematadamente friki, que é onde se pode clasificar este aparello que presentamos, o detector SensorfreshQ. O utensilio, moi recomendable para todos aqueles que van contra corrente nestes tempos en que comer carne vai ser en breve tan politicamente incorrecto como fumar á saída dun colexio, permíteche saber se os filetes que tes sobre a mesa da cociña están nun bo estado de conservación.
Os fabricantes do produto, que non explican nada sobre qué pasaría se nos paseamos polas carnicerías da nosa vila con este aparello (pasando a espada láser por enriba da carne posta no expositor), incluíron un sensor QCard, ferramenta que mide a cantidade de bacterias do chuletón e que ademais de sensor é sensible, posto que ten que ser trocado por outro novo cada dous meses.
Amais, infórmache das concentracións existentes dos devanditos seres vivos microscópicos: se che lanza un luz verde quere dicir que está perfectamente comestible, se sae amarela poderás comer a carne baixo o teu propio risco e se sae vermella é mellor que, polo menos durante o día de hoxe, te convertas en vexetariano. O aparello ten un custo de 70 euros, e mesmo semella saído das noites de Teletenda. Fascinante.

PUBLICIDADE