Sharp fabrica un móbil cun medidor de radiación integrado

martes, 29 de maio do 2012 Marcus Fernández

O operador xaponés SoftBank incorporou ao seu catálogo de móbiles un terminal fabricado por Sharp que leva por nome Pantone 5, que funciona con Android 4.0, ten unha pantalla de 3,7 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, un procesador a 1,4 GHz, cámaras de 4 e 0,3 Mpíxeles e sintonizador de televisión 1seg (característica frecuente no Xapón) que non se conforma en destacar por venderse en 8 cores rechamantes e en ser resistente á auga e ao po, senón que tamén integra un detector de radiación que pode activarse con premer o seu único botón físico (o que abre unha aplicación que indica a cantidade de microsieverts/hora que poden detectarse no aire).
Aínda que o medidor de radiación non está recomendado para situacións críticas, o feito de que se integre nun móbil parece responder a certa ansiedade que xurdiu na poboación nipona tras a catástrofe de Fukushima, o que xa levou á comercialización de medidores de radiación para o iPhone, de aí que facer algo semellante para dispositivos con Android parece tender a unha demanda moi concreta.
O novo móbil chegará ao mercado xaponés no mes de xullo.

PUBLICIDADE