Sifu terá versión para Xbox

martes, 20 de decembro do 2022 Marcus Fernández

O xogo Sifu chegou a primeiros de ano a PC, PS4 e PS5 converténdose en todo un fenómeno coa súa orixinal proposta de xogo de loita que entusiasma aos amantes do cine asiático de artes marciais, e que o mes pasado estreou versión para Nintendo Switch, polo que xa eran poucas as plataformas nas que estaba ausente, algo que van solucionar, e confirman que en marzo de 2023 tamén vai venderse en Steam (a versión para PC vendíase até o momento na tenda dixital de Epic Games) e incluso estará dispoñible para Xbox.
O lanzamento de Sifu para Xbox sóubose a través da publicación dun novo vídeo promocional por parte de IGN onde dan conta de que o xogo vai ter un novo modo chamado Arenas no mes de marzo, aproveitando a ocasión para levar o título a Steam e Xbox. Deste xeito temos como un xogo independente consegue que o seu éxito leve o seu traballo as principais plataformas a un ritmo acorde ás posibilidades dos seus creadores, e para fortuna dos xogadores de todas as plataformas, que poden acceder así a un grande xogo que pode ser do seu interese sen ter que adquirir unha nova máquina.

Vídeo no que anuncian o modo Arenas de Sifu

PUBLICIDADE