Skype non se durme perante a competencia: agora, minimizando o tempo de procura dun teléfono e o de chamada

mércores, 28 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A Skype (o servizo de chamadas telefónicas a baixo prezo vía Internet e de balde entre usuarios de Skype) estanlle a saír moitos e bos competidores e os seus responsables veñen de pórse mans á obra para que a marea de desenvolvemento tecnolóxico (que dura o que dura un pestanexo) non os leve por diante xunto con outros restos da Web 2.0. O caso é que a nova versión deste servizo inclúe unha serie de melloras encamiñadas a facer o máis doado posible o acto de facer ou recibir unha chamada a través da Rede. Unha destas melloras salientables, como sinala Enrique Dans no seu caderno, ten que ver coa extensión para chamadas directas dende o navegador.
A nova aplicación, que é cualificada de “miúda mellora” polos seus deseñadores, permítelle ó usuario procurar e situar números de teléfono nas páxinas visitadas para logo velos subliñados cunha bandeira do país onde teoricamente estean localizados, amais de incorporar o símbolo dun teléfono verde. O usuario só terá que premer nestes números de teléfono para que o sistema faga de xeito automático unha chamada.
Isto ten unha consecuencia principal: abreviar en estremo o tempo e o esforzo que empregamos en establecer comunicación telefónica con alguén a partir dunha sesión na Rede. É dicir: cómpre ter en conta que moitas das chamadas telefónicas que se fan hoxe en día a empresas e institucións públicas teñen o seu xermolo nunha procura en liña (Internet lle rouba terreo ás Páxinas Amarelas a pasos axigantados). Polo, tanto é salientable que haxa ferramentas que non só che procuren os números telefónicos de xeito automático, senón que tamén che liberen de ter que deter a navegación na Rede para comunicarte coa persoa ou institución procurada dende outra canle ou aparello diferente.

PUBLICIDADE