SmartPEME esperta o interese da República Dominicana

mércores, 24 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, está a espertar interese no plano internacional. Esta mesma semana, unha delegación da República Domicana puido coñecer de primeira man a devandita rede de formación TIC (con presenza en Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro), os proxectos de emprendemento da Deputación e máis a Escola de Cantería.
A delegación atópase estes días na nosa terra para impulsar liñas de colaboración. A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, recibiu ao viceministro de Fomento ás Mipymes, Ignacio Méndez Fernández, ao cónsul en Galicia da República Dominicana, Emilio Vicente Pérez, e a tres técnicos do Ministerio de Industria no marco dun proxecto impulsado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) relacionado coa formación.
A presidenta explicou aos representantes dominicanos os proxectos relacionados co emprendemento e novas tecnoloxías que lidera a Deputación de Pontevedra. Neste eido, Silva falou de DepoEmprende na Escola, na ESO e na FP, dos viveiros de empresas e dos espazos de traballo colaborativo (coworking). Tamén se detivo a explicar o proxecto SmartPEME, que está a formar ás persoas autónomas e pequenas empresas no eido das novas tecnoloxías prestando ademais asesoramentos individualizados de balde.
O viceministro Ignacio Méndez amosouse moi interesado no ámbito do emprendemento, en concreto no relativo ao traballo que está a facer a Deputación dende o ámbito local para impulsar a cultura emprendedora. “Na República Dominicana o 99% das empresas que temos son pequenas e medianas empresas”, explicou Méndez, lembrando “a necesidade de apostar polas novas tecnoloxías”, a propósito do seu achegamento á rede SmartPEME: “Na República Dominicana soamente un 3% das pequenas e medianas empresas empregan a web por iso temos moitos retos, moitas ganas de aprender e por iso nos parece moi interesante o proxecto SmartPEME".
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE