Sonic & All-Star Racing Transformed estrea versión para iOS

xoves, 2 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

A finais de 2012 chegou a PlayStation 3, Xbox 360, Wii U e PS Vita o xogo de velocidade Sonic & All-Star Racing Transformed, que hai preto dun ano estreou tamén versión para Nintendo 3DS, destacando por permitir competir cos máis coñecidos personaxes de SEGA entre os que non só están Sonic e os seus amigos, senón tamén outros célebres competidores como o moniño Amigo, un condutor de Crazy Taxi e mesmo Ryo Hazuki de Shenmue; e agora, para comezar ben 2014, este título estréase en iOS a un prezo de 4,49 euros (polo que sorprende que conte con elementos desbloqueables mediante pagamento).
O novo xogo para iOS permite elixir a 10 personaxes de lenda aos que se irán incorporando outros en futuras actualizacións; deixa correr por terra, mar e aire a través de pistas que cambias de xeito dinámico e nas que podemos descubrir rutas alternativas; está optimizado para que poidamos xogar sobre a marcha en dispositivos móbiles (á vez que contará con retos diarios e semanais para pór a proba a nosa habilidade ao volante); e permitirá competir cos nosos amigos tanto en liña como en modo local. Tamén pode controlarse mediante mandos virtuais, inclinando o nosos dispositivo ou cun mando externo.
Espérase que en breve conte tamén con versión para Android.
ACTUALIZACIÓN (3-1-2014): O xogo xa está dispoñible en Google Play.


Trailer de lanzamento da versión móbil de Sonic & All-Star Racing Transformed

PUBLICIDADE