Sonic & All-Star Racing Transformed xa pode descargarse de balde para iOS e Android

venres, 25 de abril do 2014 Marcus Fernández

Nos primeiros días do ano SEGA publicou nas tendas de aplicacións móbiles a un prezo de 4,49 euros o xogo Sonic & All-Star Racing Transformed, que permite botar carreiras cos coñecidos personaxes da compañía nipoa, que van dende o ourizo Sonic ata o mono Amigo, pasando polo condutor de Crazy Taxi ou o protagonista de Shenmue, pero o resultado deste título non parece estar a ser o suficientemente bo, polo que vén de mudar o seu modelo de negocio en iOS e en Android, plataformas para que os xogos pasa a poder descargarse de balde abrazando o free-to-play. Os usuarios que tiveran pagado anteriormente polo xogo recibirán como compensación o pase VIP para o xogo, de xeito que non verán anuncios e terá a Sonic e a outros 3 personaxes desbloqueados.
Como moitos outros títulos de carreiras, as micro-transaccións no xogo permiten acelerar a progresión e desbloquear novas pistas, personaxes e opcións de configuración (para poder gozar de modos de maior dificultade).
O vindeiro día 29 Sonic & All-Star Racing Transformed tamén recibirá unha actualización que incorporará aos personaxes Rompe Ralph e Metal Sonic, así como outros novos contidos como as pistas de OutRun Bay e Sonic Colours’ Galactic Parade e os novos capítulos de World Tour e Boss Cup Grand Prix.

PUBLICIDADE